CAPÍTULO III
UTILIZACIÓN DO PORTO
Art. 7.- USO DAS INSTALACIÓNS.
A zona de servizo do porto divídese en dúas partes: unha de acceso e circulación pública, e outra de acceso restrinxido a persoas e vehículos autorizados.
As amarras a flote divídense tamén en dúas clases: unha de uso libre a todo barco de recreo, mediante o pago das tarifas correspondentes e outras reservadas para uso exclusivo dos concesionarios de prazas de amarres.
Os servizos específicos que preste o porto, tanto obrigatorios coma complementarios e discrecionais, son utilizables polos usuarios do porto tendo en conta as tarifas e as condicións correspondentes.
Art. 8.- DESTINO DO PORTO
1. Poden utilizar as augas do Porto e as súas instalacións as embarcacións deportivas ou de recreo, polo que, en condicións normais, non poderá ser utilizado polos que non cumpran estas características, sen autorización expresa da Xerencia do Porto. En caso de emerxencia ou forza maior, o porto poderá ser empregado ocasionalmente por embarcacións doutras características ca autorización da Xerencia do Porto. Esta emerxencia ou forza maior non eximirá á embarcación que empregue o porto da observancia do Regulamento e do abono das tarifas vixentes que se lle sexan de aplicación.
2. En todo caso, as embarcacións deberán cumprir cas normas regulamentarias, marítimas, aduaneiras, fiscais ou de calquera outro orde que legalmente poidan esixírselles, e levar unha inscrición en sitio ben visible con nome da embarcación ou o número da súa matrícula, que permita identificar o propietario.
3. Poderán acceder ó Porto, nas zonas non restrinxidas, cantas persoas desexen acudir a el, cumpran as normas contidas neste regulamento e aquelas outras que regulamentariamente sexan promulgadas, e respecten as instalacións e demais elementos do Porto.
Art. 9.- FACULTADES DE RESERVA
A Xerencia do Porto reservase o dereito de autorizar a entrada ou de prestar servizos, cando as condicións das embarcacións ou das instalacións portuarias non reúnan as condicións de seguridade que, o seu xuízo, se estimen necesarias.
Xerencia do Porto reservarase o dereito de admisión, na zona pública do porto as persoas que, pola súa conduta ou falta de seguridade, poidan resultar inadecuadas para a normal explotación. Así mesmo, poderanse establecer limitacións circunstanciais para evitar aglomeracións perigosas a estabilidade das obras ou o desenvolvemento da súa explotación.
Art. 10.- PETICIÓN DE SERVICIOS
Para poder utilizar calquera dos servizos que preste o Porto, os interesados deberán formular a oportuna petición a Xerencia do Porto cumprindo as formalidades que esta estableza, en función das características do servizo e das necesidades de estatística e control da explotación do Porto.
Art. 11.- EMBARCACIÓN PROCEDENTE DE PORTO EXTRANXEIRO
Calquera embarcación procedente de Porto estranxeiro deberá aterse ás presentes normas, e ó disposto na normativa sobre seguridade mariña, aduana, policía e inmigración.
Art. 12.- PROHIBICIÓN DE PERMANENCIA
A Xerencia do Porto poderá establecer restricións ou prohibicións de permanencia en determinados lugares da zona de servizo a persoas ou vehículos, motivados pola conveniencia da explotación ou da seguridade dos usuarios e as súas embarcacións.
|